miércoles, 11 de marzo de 2015

Coellos con liña xenética propia


“O coello de monte de Galicia ten unha liña xenética propia, o mesmo ca galiña de Mos ou o porco celta” indícanos Jaime Veiga, o presidente do colectivo “SOS Coello de monte” nunha entrevista que lle fixen no programa “Na Encrucillada” e que se emite cada día o traverso das emisoras Radio Xallas(107.5 FM) e Fórmula Fun Bergantiños(91.9FM).

Jaime Veiga Fontán lidera unha asociación de “cazadores sensibilizados o noso patrimonio” e que decidiu xuntas esforzos diante da “grave situación do coello en Galicia”, que ten unha liña xenética propia e que “debemos conservar porque é algo noso e leva aquí miles de anos”.

“Hai novas enfermidades que están chegando e que actúan coas cepas víricas que xa había” apunta Jaime Veiga, consciente de que moitas “acaban sendo endémicas” e que o futuro do noso “coello de monte” depende moito del mesmo pero hai cuestión nas que podemos botarlle unha man.

E desde SOS Coello do monte de Galicia non se quedaron só na teoría senón que decidiron pasar a acción e remitiron varias propostas a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.Propoñen a redución de movemento de coellos nas repoboacións porque estes alteran o propio hábitat e transmiten as enfermidades dun sitio para o outro. Hai repoboacións que se complementen con exemplares doutros puntos de España, cando o coello galego ten máis similitude co coello do norte de Portugal.

Tamén pensan que sería interesante a redución do número de capturas “sobre todo no período reprodutor”.Outra idea é a elaboración dun “mapa epidemiolóxico dos coellos”, aproveitando “que a Xunta xa ten un programa que detecta as enfermidades e un sistema de vixilancia creado”. Outra petición refírese a inclusión do coello no programa de recuperación de razas autóctonas.

Escoita a entrevista con Jaime Veiga-Desde o minuto 43 deste audio:
http://www.adiantegalicia.es/reportaxes/2015/03/11/coellos-con-lina-xenetica-propia.html